#pensamentosonoro, un exercicio de escritura sen tinta, realizado utilizando unha antiga pluma sobre follas douradas de papel de seda. Trátase dun intento de rexistro do pensamento a través da gravación do son xerado polo acto de escribir palabras resultantes polo fluír da conciencia a través da escritura automática. Este xesto, que implica a intención de ausencia de control da razón, por outra parte invita aos asistentes a unha escoita activa. O son xerado será capturado a través do uso dun micrófono de contacto, para ser posteriormente utilizado como material plástico de composición na obra. Para inscribir o efémero, a artista recupera o manual a través do manuscrito, manipúlao e edítao dixitalmente para finalmente depositalo nun medio de almacenamento analóxico de sinais sonoras. Esta acción potencialmente infinita tadúcese nun testemuño que pode ser mirado e escoitado sen ser lido. Unhas notas de pegadas trazadas que se materializan raiando e tachando innumerables frases fragmentadas e cruzadas. Reminiscencias interrompidas, superpostas, feridas, confusas e medio esquecidas. Memorias rotas, capaces de xerar instantes rápidos que diminúen o tempo nun intento frustrado de facer tanxible o intanxible, coma un golpe sen marca. O pensamento sonoro é tamén unha categoría da psiquiatría utilizada para falar das alucinacións auditivas.