Trazados, tránsitos e cidadelas

txt

Este ano en INTERSECCIÓN queremos enfrontarnos ao urbano, á cidade e á arquitectura a través de estratexias como a desmaterialización, a construción e a utopía dende múltiples puntos de vista, formalizados en propostas de recuperación ou rexeración.
Nos lugares proxectados polas artistas de Cidadelas están presentes o tempo, a memoria e os ritmos construtores do cotiá, nunha serie de traballos que propoñen certas metamorfoses espaciais, así como relacións e proxectos de utopías que non só analizan o contemporáneo dende a arquitectura, senón que pensan o urbano e o habitado de forma pertinente, crítica e transformadora, enfrontándonos a novas maneiras de vivir, pensar e construir. Neste lugar híbrido que atopamos na intersección das obras, encóntranse a literatura, a filosofía, ou a ecoloxía facendo do social algo íntimo ateigado de camiños nos que recoñecerse e polos que todas transitamos dalgún xeito.
Randa Maroufi explora a forma en que o social inflúe na nosa maneira de vivir o urbano, como transforma os espazos e a nosa relación con eles. Esta é unha relación corporal, transitoria, na que lugares moi estáticos tornan en escenarios móbiles. Estúdase a ocupación da cidade desde unha perpectiva de xénero, pero tamén desde unha perspectiva económica: ocupámola de xeito diferente atendendo á clase social á que pertencemos.
Na obra das artistas de Cidadelas vemos como os usos modifican os trazados, pero tamén se fai evidente a forma en que o espazo impón tránsitos, ritmos e necesidades, nunha lóxica invertida que serve a unhas dinámicas capitalistas, pero tamén ao “benestar”. A cidade morre e nace cíclicamente, por zonas. A arquitectura industrial pode converterse nun recinto de ocio, e unha instalación militar nun espazo cultural. Da mesma maneira, quebramos a terra para tumbar autovías como ríos, e derrúbanse edificios para que agrome un parque. Emilio Pemjean traballa precisamente coa memoria dos espazos. A memoria connota e conserva, pendurando os lugares sobre si mesmos, ainda baleirados por completo do seu uso orixinal. Isto ten que ver cunha necesidade de recoñecerse no espazo, de significalo para poder habitalo.
A idea dunha identificación profunda cun espazo que é común e compartido aparece na obra de Sabrina Ratté, visibilizando o vulnerable a través do arquitectónico. A artista materializa unha idea sensorial do íntimo, construíndo habitacións e edificios, as veces relacionados co doméstico, co habitable, e as veces tan fragmentarios que resultan imposibles: non acollen nin conteñen, senón que flúen e se transforman. Non obstante, incitan á contemplación. A espectadora sitúase ante un mundo interior erixido como cidade surreal. Trascéndese a casa e a protección que a miúdo se lle atribúe, e reflíctese sobre o imaxinario como algo que nos rodea físicamente, que ten muros e teitos, fiestras e corredores. A imaxe e o relato como constructos e como constructores.
Susanne Wiegner presenta un alzado insólito, no que a tipografía se converte de súpeto nunha paisaxe vertical, alongada, coma unha concatenación de edificios. O relato aparece aquí desde dúas persepectivas: a da forma, facendo alusión ás particularidades da tipografía que incitan a parar, a contemplar con tranquilidade, viaxando pola narración dun xeito sereno, pero tamén a do contido, percorrendo os escenarios da vida do poeta Robert Lax, que abogaba nos seus escritos por esa tipografía alongada, capaz de reter a mirada nos seus tránsitos polo espazo do relato.
Na RAM City de Clara Aparicio, os relatos aparecen e desaparecen nunha sobreescritura continua de información. A cidade incorpórea do acumulativo constitúe a memoria derramada do contemporáneo, que fluctúa sen referencias claras. Na RAM City non existen historias herdadas, senón historias efémeras e azarosas, creadas a partir do encontro de novos datos, transformados no contacto espontáneo unha e outra vez.
A obra de Yolanda Ríos achéganos á idea dun espazo conectado, no que a artista é unha especie de habitante creadora. O seu poder reside no vínculo que se establece co espacial propiciado pola materia manipulada. Constrúe e modifica a súa relación co espazo a través da forma, pero tamén dos fluxos e as sinerxias que se xeran no contacto. Nestes escenarios pensados por Yolanda, atopamos vida e crecemento contraposto ao deterioro. Existe unha retención da metamorfose, e unha deriva ruinosa cara o interior, cara ás conexións sutís e íntimas que agroman nos lugares que habitamos.
O trevo medra na beira das estradas. É unha planta fráxil, que a miudo é cortada, contaminada, asasinada. Anne Linke, atopa no trevo de catro follas unha orixe estrutural da arquitectura, un cruce de camiños. Este pequeno vexetal serve para falar dunha mutación, que no só é literal -o trevo de catro follas é mutante xeneticamente, a contaminación provoca a metamorfose da natureza…-, senón que tamén alude aos propios procesos de construcción e de progreso, burlándose desa mutación destructiva, nunha proposta que ironiza sobre a “sorte” dun avance salvaxe e a necesidade das infraestructuras que o soportan.
En Trazados, tránsitos e cidadelas crúzanse as miradas coma nunha rúa, superpóñense as cidades, plano sobre plano, pensando o urbano máis alá do que é, excedéndoo, co obxectivo de xerar derivas na nosa relación habitual con el. O pasado e o presente dos ritmos do que construimos, serven como cimento para a fabulación do futuro. Regresar á cidade coa nostalxia do posible, dun coidado e unha conciencia que atenda aos cambios de paradigma da contemporaneidade.

 

Texto curatorial (por Lara e Noa Castro Lema) 

TRAZADOS, TRÁNSITOS E CIDADELAS

CIDADELAS compóñena, por unha parte, a exposición Trazados tránsitos e cidadelas na que artistas de todo o mundo propoñen a súa visión do urbano e do espazo común e, por outra, tres sesións monocanle, nas que se pon en foco a obra de catro destas artistas, profundizando nos seus discursos individuais, que investigan dende o social, o poético e o íntimo.

Mércores 27 outubro | 20:30 – 21:30h

Fundación Luís Seoane

Mércores 27 outubro | 21:30 – 22:30h

Fundación Luís Seoane

Xoves 28 outubro | 20:30 – 22:00h

Fundación Luís Seoane

28 – 31 outubro

Fundación Luís Seoane