“A fraxilidade da memoria” é un concerto autobiográfico no que música e imaxe dialogan a través de pezas musicais de autoría propia inspiradas no meu traballo plástico.
O relato vivencial da miña bisavoa materna, Perpetua, é o xerme do meu interese por temas como a memoria, o esquecemento, o tempo, o loito ou a perda como parte inevitable da vida, inspirando deste modo imaxes e melodías refuxio da memoria e da fraxilidade atemporal dos recordos.
A recuperación de historias familiares e a exteriorización de acontecementos e emocións persoais a través da arte e a música dan lugar a un traballo introspectivo e persoal pero ao mesmo tempo universal, conectando ao espectador coas súas emocións e recordos máis profundos.
Unha viaxe a través dos sentidos con banda sonora propia que nos conecta co noso eu máis emocional. [
× ]