
Daniel Blaufuks non é un realizador convencional. O seu traballo como cineasta colócase na fronteira entre a imaxe conxelada, que é a fotografía, e o potencial desa mesma imaxe en expansión.
× ] Daniel Blaufuks non é un realizador convencional. O seu traballo como cineasta colócase na fronteira entre a imaxe conxelada, que é a fotografía, e o potencial desa mesma imaxe en expansión. No cómputo da súa obra, o cine é introducido ofrecendo a posibilidade do atemporal. Non é que Daniel Blaufuks pense a imaxe cinematográfica de diferente modo que a fotografía, pola contra, pero o cine posibilita alongar o tempo de interrogación do espectador co que ve. As súas películas, ao igual que o seu traballo fotográfico, continúan partindo do “eu”, da súa experiencia e historia persoal, da súa realidade e as súas preocupación co tempo e a memoria, e así mesmo, no que deixa entreaberto, o que mantén en suspensión temporal. Introduce o baleiro poético do que nos excede e nos une como seres humanos. Establece desta forma mestra lazos co espectador, o “eu” repercutido no “nós”. A súa narrativa non conclúe, deixa en aberto; non impón, propón. Blaufuks pretende que nos entendamos na nosa propia memoria persoal, que establezamos un diálogo co punto de partida, as súas imaxes, e así mesmo, que nos situemos na historia xeral e máis abstracta para cuestionar non o que sucedeu, senón o porqué sucedeu. Blaufuks levanta o veo; sen querer deixarnos apenas coa constatación, pretende que fagamos un exercicio persoal, máis fondo e humano de consciencia colectiva. Ao elixir as películas para esta sesión pretendemos trazar un corte transversal sobre a obra deste realizador. Estas catro películas, sexa a través das súas propias imaxes ou de imaxes das que se apropia, abordan os temas fundamentais da obra de Blaufuks. Comezar coa cuestión do holocausto e do exilio en Judenrein, seguido dunha chiscadela paródica a Jean Luc Godard citando a Georges Perec. Despois, o uso dun filme caseiro de vacacións que podería estar no faiado de calquera familia común e finalizar deixando en aberto a posibilidade da iluminación, nunha illa, a poucos días de que nos asolase a pandemia, en homenaxe a Tarkovsky, pai e fillo, con And all will be repeated, non é casualidade, senón unha necesidade imperativa. Ante o inmediatismo e a velocidade do mundo actual no que o tempo non se firma e as imaxes perderon o valor de reflexión, está aquí subxacente a pertinencia do constante cuestionar e a obstinada actualidade do traballo de Daniel Blaufuks. Sen renderse a calquera derrotismo ou fatalismo, o realizador camiña pola auga coa firme intención de pasarnos o relevo da memoria. Tócanos a nós aceptar o reto, a cuestión: cara onde queremos continuar? Leonor LloretTEXTO CURATORIAL
×