
Atrapar unha sombra, escoitar a luz
Un camiñar de muller e de formiga, un lóstrego, un ceo estrelado na tapa dun obxectivo, noite de píxeles, son codificado en cores, ... [ × ] Atrapar unha sombra, escoitar a luz Un camiñar de muller e de formiga, un lóstrego, un ceo estrelado na tapa dun obxectivo, noite de píxeles, son codificado en cores, luz musical… O cine e unha mirada trascendida: mirada, forma, pensamento, aparencia, aparición, desexo, relato. O ollo atopa sempre algo. Espido, non pode agocharse da luz e da sombra, pero si do recoñecible. O ollo pode perderse en aparicións inexplicables, no pracer dun escintilar, na ilusión dun volume. O oído, pola súa parte, escoita o que o ollo non ve ou, ás veces, o que o ollo ve doutra forma. Ante a mesma cousa, a experiencia bifúrcase. Os sentidos, extranxeiros entre sí, traducen nas súas linguas os encontros cotiás. Así, constrúense ficcións sen querer, ficcións inevitables. A obra de Blanca Rego preséntase na súa sinxeleza como unha ficción inevitable, natural. Desintegra as aparencias, refráctaas nunha frase curta, concisa, chea de encanto e suxerencias. As pezas deste foco, desde Wohlgemeynte a Psycho 60/98, son resultado e testemuño dun profundo afecto e fascinación polo medio cinematográfico como ferramenta plástica, catalizadora de subxectividades, de aparencias fragmentarias, e pon de manifesto a riqueza material do cine dixital. As imaxes de Blanca Rego, coma nun teatro de sombras, transpórtannos a unha escena inasible, a da luz e a cor, a do son, que se mesturan, cambian posicións, substitúense mutuamente nun intercambio sinestésico, xogando na metalinguaxe, pero tamén nun plano emocional e poético. O foco á obra de Blanca Rego conduce ao espectador a través primeiro de formas descoñecidas do coñecido, traducións sorprendentes a linguaxes compartidas, xa frecuentadas a miúdo polo cine experimental da segunda metade do século XX, cuxo legado é recollido e homenaxeado pola artista cineasta na súa investigación plástica que desta vez é dixital. Wohlgemeynte, A Singing Comet o Tximist, conteñen esta clase de intercambios perceptivos, xa sexa traducindo datos dun cometa a patróns abstractos de cor, xerando unha lectura sonora inintelixible a partir da imaxe glitcheada dun texto ou convertendo a luz dunha tormenta no seu propio son. Doutra banda, o programa está tamén constituido por pezas nas que a abstracción dixital é sustituida por unha abstracción emocional e poética das formas cotiás. O movemento da cámara, dos pés, da luz entre as árbores ou unha sombra na parede, convértense en ideas, envoltas no transo rítmico do encadramento e o son. Komorebi, Streetwalker, 25,000 Years to Trap a Shadow 001 ou Formicidae, son exemplos nos que a paisaxe dilúese en formas escorregadizas, escintileos, sombras e brumas, transformándose nun lugar emborrallado polo movemento e a cadencia dos raios do sol ou dos pasos, onde camiñar convértese en algo político e hipnótico, camiñar de insectos e persoas, sombras outra vez, bailando na pantalla. Ademais, o foco a Blanca Rego amosa aínda outra faceta da obra da artista, buscando suxestionar ao ollo, ao corpo en xeral, xerar unha experiencia física e psicodélica para chegar ás profundidades do ver, ou tal vez á superficie, a unha reacción metamórfica ante a luz, ante a imaxe despoxada de toda información comprensible, de todo esforzo narrativo. É este o caso de pezas como You Blinked, RGB Colour Model ou Silence is Golden but Chaos is still Broken. En definitiva, o foco que INTERSECCIÓN adica ao traballo de Blanca Rego constitúe unha experiencia magnética, reflexiva, física, un soño de cores estridentes, de pasos, de noite e de estrelas, un soño do cine e a súa linguaxe, cuxo potencial plástico continúa inesgotable. Lara Castro LemaTEXTO CURATORIAL
×