Salomé Lamas

Foco

Foco

Salomé Lamas

Salomé Lamas é unha artista cuxa obra non se adscribe a ningún xénero, senón que se produce na intersección de moitos coma algo persoal e independente, sempre impulsada por un afán innovador e rupturista. As súas pezas, que en moitas ocasións son enormemente comprometidas, xogan coa narratividade literaria, o texto e a linguaxe, para afondar na memoria e na historia de xeito crítico e enxeñoso, misturando ironicamente o real e o ficticio.

Sesión I

A Comunidade - Salome Lamas

A Comunidade

Vídeo HD  |  16:9  |  cor  |  son  |  23’  |  PT  |  2012

A Comunidade é unha sinxela curta documental, na que o camping de caravanas máis antigo de Portugal se amosa coma un collage composto de imaxes tremendamente pictóricas, testemuños e rutinas, nun ton lixeiro pero sincero que esperta e alimenta a curiosidade.

Le Boudin - Salome Lamas

Le Boudin

Vídeo HD  |  16:9  |  cor  |  son  |  16’  |  DE e PT  |  2014  |  Premiere española

Le boudin presenta un testemuño terrible sobre un home que sendo aínda un rapaz foi obrigado a alistarse na lexión, e todo o que iso supuxo. A historia, que na súa maior parte está contada en primeira persoa por un actor adolescente, vai xerando unha reflexión arredor da identidade, a violencia, e a liberdade, coma un xogo teatral no que a persoa non importa e todo queda ao servizo do espectáculo da guerra.

Self Portrait - Salomé Lamas

Self Portrait

Vídeo HD  |  2:39  |  b/n  |  son  |  10’  |  DE e PT  |  2016-18  |  Premiere española

Esta obra xorde durante o conflito fronteirizo que a autora e o seu equipo tiveron en 2015 co KGB durante a rodaxe de Extinción, entre Moldova e Ucraína. O xeito no que se nos presenta a peza alude de maneira visual á falta de protección e de liberdade dentro do territorio, así como aos procesos de censura e incomunicación que acaban forzando o silencio, da vista e da mente.

Coup de grace - Salome Lamas

Coup de Grâce

Vídeo HD  |  2:39  |  cor  |  son  |  25’  |  PT  |  2017

Leonor regresa dunha viaxe un día no que o seu pai non a esperaba. Este tecerá unha realidade alucinatoria e fantástica, arredor da súa propia subxectividade e a da súa filla, que non dá crédito ante a inesperada situación.

Sesión II

hangar-metro-terminal - Salome Lamas

Hangar, metro, terminal

Vídeo HD  |  16:9  |  b/n  |  sen son  |  6’  |  PT  |  2018  |  Premiere española

Vídeo HD  |  16:9  |  b/n  |  sen son  |  9’  |  PT  |  2018  |  Premiere española

Vídeo HD  |  16:9  |  b/n  |  sen son  |  8’  |  PT  |  2018  |  Premiere española

En Hangar, metro, terminal, Lamas abstrae de cando en vez as formas, creando espazos ambiguos sobre arquitecturas silenciosas, nunha sorte de maqueta audiovisual realizada para a Biennale di Venezia – Architettura.

Extraction: The Raft of the Medusa - Salome Lamas

Extraction: The Raft of the Medusa

Vídeo HD  |  16:9  |  son  |  cor  |  7’  |  2019  |  Premiere española

Extraction: The Raft of the Medusa é unha meditación sobre o redeseño masivo do planeta por parte da humanidade e un panfleto distópico sobre o Antropoceno.

A obra amosa un breve momento de euforia no que os ocupantes á deriva na balsa, esperando e rezando ser rescatados, parecen divisar una posibilidade de salvación. Case podemos escoitar os berros roucos a través dos cales intentan chamar a atención sobre a súa desesperada situación, reunindo as súas últimas forzas ante o baleiro. Esta é a súa última oportunidade de sobrevivir.

Extraction: The Raft of the Medusa, refírese ao paradigma colonial, a cosmovisión e as tecnoloxías que marcan as rexións de alta biodiversidade, para reducir a vida á súa conversión nun recurso a través do capitalismo, cun enorme impacto ambiental e social.

É unha alegoría dos estados de emerxencia en política ambiental, clima e migración, cun propósito ético-político.