Dora García

Foco

Foco

Dora García

Dora García, artista multidisciplinar, sitúa ao espectador coma elemento clave das súas obras, de xeito que se converte en parte delas, vólvese unha personaxe, alterando a súa percepción, a súa experiencia, en diferentes graos. Aínda que os seus traballos conceptuais se materializan en diversas técnicas e formatos, sempre contan con certa performatividade ou ao menos, implican algún tipo de interactividade co espectador ou co espazo. Nas súas pezas todos os detalles xeran diferentes capas de lectura, de xeito que para quen mira todo adquire significancia e interés.

Sesión I

Segunda vez - Dora García

Segunda Vez

Vídeo  |  16:9  |  cor  |  son  |  93’  |  2018

Esta peza é un traballo analítico, de observación minuciosa, autoconsciente e autocrítico, que emprega a repetición e a mirada para abrir diversas liñas de pensamento arredor da arte, a figura do artista, e todo o que supón o performativo e os elementos que o arrodean, desde o máis artístico ou conceptual, ata o máis cotiá, concreto, político.

Segunda vez cartel - Dora García

Sesión II

Hearthbeat - Dora García

Heartbeat

Betacam transferido a vídeo  |  4:3  |  cor  |  son  |  6’  |  1999

Heartbeat é unha obra metafórica que, pese a permitir unha exhibición diversa de interpretacións e sensacións, remite á alienación individual, á fuga cara o interior dun mesmo, cara un lugar profundo e solitario, onde un se sente en paz ata que se encontra a escuras.  Heartbeat marca o ritmo ao que nos perdemos, ou tal vez nos encontramos, consciente e inconscientemente.

The breathing lesson - Dora García

The Breathing Lesson

Betacam transferido a vídeo  |  4:3  |  cor  |  son  |  6’  |  2001

The breathing lesson é impactante e estraña. Tratando a confianza e a dominación, explora os límites das relacións interpersonais e do propio autocontrol que, paradoxalmente e en ocasións, depende menos do que un fai que do que un permite facer a outros.

the glass wall - Dora García

The Glass Wall

Betacam transferido a vídeo  |  4:3  |  cor  |  son  |  30’  |  2002

The Glass Wall establécenos coma voyeurs diante dunha situación perturbadora, na que, como ocorría en The breathing lesson, dáse unha relación de dominación e submisión, aínda que de xeito máis violento no seu enfoque, entre unha moza e a voz que lle da ordes ao través duns auriculares, que recoñecemos coma unha muller maior. A peza xera unha situación disparatada en absoluta tranquilidade, onde a voz irracional da narradora pasa do autoritarismo á amabilidade de xeito manipulador e cruel, xerando pouco a pouco unha serie de cuestións complexas arredor das relacións familiares, de poder, etc.