Performances

Russinha

Russinha

Nacín en Compostela no 1991 máis ben podería ter nacido en Laponia, Estonia ou algún lugar así.

De pequena chamábanme “patolas” e driblaba calcetíns entre unha aldea de Ames e o corredor dunha casa no Progreso, en Vigo. Logo a curiosidade me levou a abri-la cabeza intentado subir a un hórreo, a case afogar nunha piscina e a querer estudiar cinema. Aos 12 debuxaba, gravaba cds de pelis e música para agasallar e ía ao videoclube. Intentaba crecer rápido mentres vía “Ally McBeal” e outras traxicomedias dos inicios dos anos 2000 mesturados co “Xabarín Club”. Lembro con amor os tempos nas mans da avoa e os “petit suisse” de chocolate. Non fixen a Comunión pero a minha nai me trasladou a espiritualidade en prestar atención ao mar, a cruza-los dedos para encontrar sitio para aparcar e a intentar non vomitar cando viaxábamos no Opel Corsa.

Estudiei Cafyde e cousas relacionadas co movemento e o ioga. O próximo será Fisioterapia. Gústame trabalhar coas mans, os chícharos, cantar mantras e as romerías. Escoitar música chunga na radio mentres conduzo. O ioga, correr, as amigas. Fago anos en Xaneiro e por esas datas acostumo ter conxuntivite. Ultimamente invirto máis tempo no coidado das plantas, en estudiar química, piano e na produción musical. Voltei á aldea despois de estar na India. Esta biografía non a escribín eu, aínda que eu estaba alí, conducindo cara Ortigueira e o mar aparecía de vez en cando.

Interseccion - _Akazie_

_Akazie_

Con formación musical en piano, percusión tradicional galega e batería acústica, Acacia Ojea (Vigo, 1994) gradúase en Belas Artes, onde amplifica o seu interese na arte sonora, o ruído e a escoita.

Despois de vivir en cidades coma Marsella (Francia) e Porto (Portugal), comeza a súa traxectoria como DJ baixo o pseudónimo _Akazie_. Os seus sets de electrónica percusiva recollen as influencias desta convivencia coas sonoridades, ritmos e harmonías arábigas e lusófonas, e dende a súa volta a Galicia, colaborou en distintos eventos e con distintas salas de Vigo e Compostela. Na actualidade amplía a súa formación dentro dos procesos sonoros mentres realiza o mestrado de Composición Electroacústica e Novos Medios do Centro Superior de Ensinanza Musical Katarina Gurska de Madrid, onde durante este último ano foi convidada a pinchar en espazos como a Sala Republik, Uñas Chung Lee ou o Club 8K.