Quenes somos
Que é Intersección?
INTERSECCIÓN – Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo focaliza a súa programación en obras que se atopan no cruzamento da arte contemporánea e o cinema de vangarda, abarcando unha gran variedade de formatos, técnicas e linguaxes.
Ademais das proxeccións, exposicións e performances, INTERSECCIÓN complétase con actividades de apoio á creación, formación e de diálogo con diversos públicos.
A nosa programación está composta por seccións competitivas e non competitivas, entre as que se atopan focos a artistas destacados. A procedencia de todas elas é internacional no seu conxunto, pero prestamos atención a cinematografías próximas como son a de Portugal, a de comunidades españolas ou, especialmente, a galega, que conta con sección propia en cada edición.
Polo festival pasaron artistas como Antoni Muntadas, Salomé Lamas, Igor Grubič, Dora García, Catarina Vasconcelos ou Tatiana Macedo e nel proxectáronse obras de artistas internacionais como J.P. Sniadecki ou Kevin Jerome Everson, así como españolas como Manuel Saiz, Carla Andrade, Félix Fernández, Ignacio Pardo, Carme Nogueira, Rodríguez-Méndez ou Alberte Pagán.
Ademais do propio festival e todo o que sucede durante o mesmo, baixo a marca INTERSECCIÓN desenvolvemos accións estendidas no tempo e o espazo, en colaboración con institucións nacionais e internacionais: exposicións, programas en liña, actividades en ámbito rural e actividades de creación artística inclusiva.