LAB

Mesa de traballo para proxectos artísticos

INTERSECCIÓN LAB

Mesa de traballo para proxectos artísticos

Este obradorio é un lugar de encontro para persoas de diversos perfil e intereses, implicadas no desenvolemento de proxectos artísticos, para facer unha posta en común dos mesmos e debater xuntos os recursos e estratexias que permitan facelos avanzar. A dinámica colectiva centrarase en revisar aspectos da concepción dos proxectos, búsqueda de referentes, resolución de dúbidas e toma de decisións, establecendo un diálogo que poida enriquecer e mellorar a capacidade de cada persoa para desenvolvelos.

Tutores

Enrique Lista

Bio

Enrique Lista (Malpica, 1977) é Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Ten realizado investigación académica e actividades profesionais nos ámbitos da arte, o deseño gráfico, a fotografía e a xestión cultural. Como artista expuxo individualmente na Fundación Luís Seoane, Zona “C”, Galería Adhoc e Sala Alterarte. Participou, entre outras, en mostras colectivas no MAC, MARCO, Centro Torrente Ballester, CGAC, Centre Civic Sant Andreu, Casa da Parra, Auditorio de Galicia, Fundación Laxeiro e Fotobienal de Vigo. Ademais de en catálogos, publicacións colectivas e/ou académicas, o traballo de Enrique Lista ten sido recollido nas publicacións individuais Un año de proyectos (Save As… Publications, Barcelona, 2013) e Enrique Lista. Situación (Centro Galego de Arte Contemporánea, 2008). Tamén publicou os libros Un Lugar. Dúas descricións inadecuadas (autoeditado con Héctor Pose, 2018) e Síntomas (Estraperlo, 2018). Tanto no ámbito académico como fóra do mesmo, Enrique Lista ten impartido docencia, obradoiros e conferencias. De entre esta actividade destaca o “Taller de artista invitado” no Máster en Arte Contemporáneo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (UVigo) e o obradoiro de desenvolvemento de proxectos impartido no MAC (A Coruña, 2018), museo no que tamén realizou o seguimento personalizado dos artistas residentes entre 2015 e 2018.

Chus Villar

Bio

Chus Villar Iglesias, desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional na Galería Trinta de Santiago de Compostela dende 2002 ata 2016, exercendo os postos de asistente, encargada xeral e finalmente directora. Durante eses anos, participa na programación, xestión e organización de máis de cen exposicións de artistas de traxectoria internacional, entre moitos outros, sendo responsable na etapa de directora da programación expositiva e da incorporación de diversos creadores á nómina dos artistas da galería, ademais de participar con Trinta en moitos outros proxectos, charlas, feiras, etc.

En comisariado destacar o seu traballo coma co-comisaria xunto co escritor Juan Bonilla da primeira exposición retrospectiva da obra fotográfica de Baldomero Pestana (1917- 2015): “Baldomero Pestana. La verdad entre las manos”, que foi inaugurada en febreiro de 2018 no Instituto Cervantes de Madrid e exposta posteriormente na Cidade da Cultura de Santiago e o Instituto Cervantes de París. 

En decembro de 2017 abre a galería Nordés en Santiago de Compostela que dirixe na actualidade, e dende marzo de 2019 é ademais a presidenta de “Contemporánea” (Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia).

Jaime Pena

Bio

Jaime Pena é doutor en Historia da Arte e programador dende 1992 do Centro Galego de Artes da Imaxe, a filmoteca de Galicia. É membro do Consello de Redacción da publicación mensual Caimán Cuadernos del Cine (anteriormente Cahiers du Cinéma España) e colaborador regular da revista arxentina El Amante, ademais doutras moitas publicacións cinematográficas, tanto nacionais coma internacionais (Sight & Sound, Cinema Scope, entre outras), ademais de asesor de Programación do Bafici (Bos Aires Festival Internacional de Cine Independente). Autor de El espíritu de la colmena (Paidós, 2004), premio da Asociación Española de Historiadores do Cine á mellor monografía do ano, e, xunto a Xosé Luís Castro de Paz, Ramón Torrado, cine de consumo no franquismo (CGAI, 1993) e Cine español. Otro trayecto histórico (IVAC, 2005).

Coordinou e participou en numerosos volumes e monografías e colaborou tamén en distintas publicacións sobre cine español, tales coma o Diccionario del cine español (Alianza Editorial/Academia das Artes e Ciencias cinematográficas de España), Diccionario de cine iberoamericano: España, Portugal y América (SGAE) o Antología crítica del cine español (Cátedra/Filmoteca Española).

Olaia Sendón

Bio

Olaia Sendón Ogando profesora, directora e artista nada en Ourense no 1978, é Licenciada en Comunicación Audiovisual pola UAB e profesora na Escola de Imaxe e Son da Coruña.

É autora de documentais e pezas de videoarte presentes en diferentes concursos e Festivais coma a obra Nonenal, dentro do proxecto Se aluga futuro 2019, Fisterra carne de safari (2017), Mice dentro da selección feita por Anxela Caramés, ou #1 #2, peza para o filme colaborativo Visións, dentro do proxecto Cinema e Muller (2016) que estivo presente en importantes festivais coma o Zinebi, Play Doc, ou [S8] Mostra de cinema periférico da Coruña. Outros traballos serían Kauflanders (2016) presente no festival de cine de Málaga, ou Míjau (2014).

Ten participado en numerosos eventos e a súa obra estivo presente e foi galardoada en en diferentes partes do mundo coma Stigmart Video Focus; Curtmetratges Gandules (CCCB); Kauflan: Proyector (2014); Embarrat (2014); Se Alquila/Estado; Petites Superfícies; Proxecto para Dispostivos Post; Kaufland Mo; VIII Premio Auditorio Novos Artistas (2014); Pequenas Superficies (instalación); Mostra Internacional Gas Fenosa; Kaldarte (2012); Catálogo de Galaxias Sociais Vídeo do disco Kosmogonías de Berrogüetto; Os fabulosos irmáns da luz Festival de Cine de Málaga; SH contemporary, Shanghai; A casa de Lola de Andrés (2007); Sección oficial Festival de Cine de Málaga; Sección oficial Alcances; Sección oficial OUFF.

Artistas seleccionados

Carla Andrade

Carla Andrade

Bio

Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Salamanca (2006), MA Artist’s Film & Moving Image pola Goldsmiths University of London (2019) e estuda Filosofía pola UNED. Na súa xa consolidada traxectoria artística, expuxo individualmente en cidades como Madrid, París, Bilbao, Granada, Santiago de Compostela, Huesca, Porto, A Coruña ou Vigo, ademais de estar presente en numerosas colectivas e festivais de cinema e obter recoñecemento con premios, becas e presenza en coleccións de ámbito nacional e internacional.

Carla Andrade - Ningún río me protexe de min

Ningún río me protexe de min

Propón unha fuxida cara atrás en resposta á imposibilidade de representar unha realidade máis aló da propia, o que a leva a seguir o rastro dun material filmado dentro da selva da Conca do Congo, indagando a un tempo nos motivos que a levan a viaxar a lugares remotos do planeta.

David Fidalgo

David Fidalgo

Bio

é Graduado en Belas Artes e Máster en Álbum Ilustrado e Animación pola Universidade de Vigo (2012-2014). Ademáis de en numerosas mostras colectivas, expuxo individualmente no Valey Centro Cultural de Castrillón (Asturias), Apo’strophe Sala de Arte (Vigo) e UMH (Elche). Obtivo recoñecementos e becas tanto no ámbito das artes plásticas como no do audiovisual, ademais de participar en festivais de ámbito nacional e internacional.

David Fidalgo - Reality

Reality

é un proxecto de animación stop-motion onde unha mirada áceda sobre a telerrealidade adopta o formato do meme, empregando técnicas baseadas na pintura.

Nuria Mosquera

Bio

 formouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca (2012), realizou o Máster en Investigación en Arte e Creación da UCM (2013) e un posgrao en Montaxe Audiovisual da Universidade Pompeu Fabra (2017-2018). Obtivo axudas de Agadic para a escritura do guión da longametraxe Anguías e para a dirección e produción da curta de ficción Mércores de cinza. Foi seleccionada en distintos certames e premios de ámbito nacional.

As anguías non levan roupa - Nuria Mosquera

As anguías non levan roupa

Proxecto documental no que a memoria oral serve de base sobre a que articular un relato no que se entrelazan o real e o fantástico, a Historia compartida e a vivencia persoal.