"“É como se os millóns de séculos que moldearon os nosos órganos auditivos houbesen posto especial coidado en dortarnos dun sistema permanente de alarma. Este dinos case ao instante o que está acontecendo, e dinos se este acontecemento está a ameazarnos, a reconfortarnos, a interesarnos; en poucas palabras: se nos concirne” Olivier Revault d’Allones, “Musique et philosophie”, en L’Esprit de la musique1992, p 37
“Os sons non son as manifestacións de acontecementos que suceden ás cousas, tampouco son calidades dos acontecementos; son os acontecementos”. Francis Wollf, “Por que a música? 2021, p 49
Existe unha relación especial entre o son e o acontecemento. Para que haxa son debe pasar algo, debe moverse algunha cousa, debe acontecer un feito. Sen movemento non hai son. Os sons significan aconteceres.
Para a realización desta peza impregnei con óleo de cor negra a man esquerda da pandereteira para que, ao interpretar co seu instrumento os distintos ritmos en secuencia que dan nome á obra, fora deixando a impresión de cada golpe no parche da pandeireta. A interpretación foi gravada nun vídeo monocanle.
Nun intento de xerar novas formas de rexistro visual destes sons pertencentes á tradición, xérase unha peza pictórica monocromática producida como consecuencia do proceso performativo sobre o propio instrumento e, á súa vez, unha peza de vídeo (que amosa a tempo real a interpretación coa pandeireta) sen son, o que provoca que non poidamos escoitar, senón que teñamos que intuír ou deducir visualmente os ritmos nomeados no título.
Así, esta peza, realizada con pintura negra, que nega toda tridimensionalidade e que nos remita á cor da notación tradicional na música, supón un intento de lexitimar novas formas de afrontar e rexistrar determinados acontecementos derivados das tradicións musical e pictórica, e nos fala da tentativa obstinada e ininterrompida de creación de novos códigos de entendemento entre o visual e o sonoro. "