Xurados e premios

Premio A Colectiva

Consistirá en 500€ para a obra seleccionada.

Xurado

Iria Vázquez

Artista multidisciplinar, mediadora cultural, docente e doutora en Belas Artes pola
Universidade de Vigo (2015).
Licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra (2006). En 2011, obtén unha beca de investigación da Universidade de Vigo, para a realización dunha estadía de investigación no Museo d’Orsay, no Museo do Louvre e distintos centros de arte de París (2012), para o desenrolo do traballo de campo e documental de súa tese doutoral.
Realiza e colabora en proxectos artísticos de carácter multidisciplinar que abarcan tanto o ámbito expositivo como o audiovisual e escénico.

Edu Fernández

Edu Fernández (Bilbao, 1987) é un artista, músico e performer. Dende moi novo recibe unha educación multidisciplinar en música, deseño e ilustración. É Máster de Arte Contemporánea pola Universidade Europea de Madrid e graduado en Belas Artes pola Universidade de Vigo.
Estudiou durante varios anos no estranxeiro en países como Alemaña, Bélxica e Brasil. Formouse con artistas como Dora García, Daniel Canogar, Paula Rey, Fátima Miranda e Llorenç Barber. A súa investigación artística céntrase na identidade e a performance. Síntese cómodo traballando con medios como a música, o vídeo ou a escritura, creando lnguaxes híbridas cun lendario e escuro sentido do humor.
A súa obra foi exhibida en museos e galerías internacionais, tamén premiada en importantes concursos e estudada no entorno académico, así como presente en coleccións privadas e públicas. Actuou en varias ocasións en televisión e outros espectáculos. Na actualidade reside na Coruña.

Ana Cabanes

Ana María Cabanes Fontao (A Coruña, 1991). Artista plástica, visual e activista.
Técnica superior en Artes Aplicadas da Escultura pola EASD Pablo Picasso de A Coruña, graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, realizou un máster en Investigación e Creación en Arte Contemporánea pola Universidade do País Vasco. Forma parte dende 2017 de AColectiva, Asociación de Artistas de Galicia.
As súas propostas artísticas céntranse en unir arte e vida. Dende diferentes perspectivas traballa con temas como a natureza, o ser humano ou elementos cotiás dende unha mirada crítica de diversas situacións.
Dende fai uns anos o seu traballo céntrase na contaminación plástica do planeta e tódalas súas facetas traballando con este material que recolle nas diferentes costas ás que se despraza.

Premio AGAG

200€ para o proxecto seleccionado.

Xurado

Ángel Manzano

Ángel Manzano (Vigo, 1972) a pesar de exercer no seu momento a avogacía, xa se reinseriu na sociedade. Director e guionista, rodou varias curtas (Tupper, Deber,…) as cales, inexplicablemente, obtiveron seleccións e premios. O seu polifacetismo lévalle a compaxinar a batuta do podcast con menos escoitas da Historia (VEMA – Ver o Mundo arder) coa gravación de documentais (Full Roller Derby, O Artenauta, ambos os dous work in progress deses), todo iso mentres cociña e fai os baños. Entre os seus proxectos futuros atópase a dirección dunha nova edición do Festival de Cinema Infantil e Xuvenil INFANCINEMA ou escalar tres dos catorce 8000 en pixama de verán. Ah, e é vicepresidente de AGAG – Asociación Sindical Galega de Guionistas- e presidente de FAGA – Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales-.

Enrique Lojo

Enrique Lojo (A Coruña, 1988) comezou a súa carreira como guionista na Televisión de Galicia, en ficcións como Luci, Serramoura ou A Estiba, entre outras. Vencellado ao ámbito das webseries, ten formado tándem con David Sainz en varios proxectos, entre os que destacan Entertainment (Flooxer) e Mambo (Playz). Escribiu thrillers como La Sala (HBO) ou Toy Boy (Netflix/AtresMedia) e comedias como Sabuesos (TVE) ou El último show (HBO). Tamén formou parte do departamento de desenvolvemento de importantes produtoras a nivel nacional como Isla Audiovisual ou Plano a Plano. Actualmente integra o equipo de guión de Secuoya Studios.

Jacobo Díaz Rodríguez

Dedícase ó guión dende o ano 2003. Ten traballado en documentais, videoclips e formatos de TV pero o campo no que ten máis experiencia é a ficción que, por sorte, é o que máis lle apaixona. Durante anos traballou como argumentista e dialoguista de series da TVG como Serramoura, A Estiba ou Método Criminal. Actualmente, escribe series para plataformas, máis alá das nosas fronteiras. Recentemente deu os seus primeiros pasos como guionista de Cómic ó recibir o premio ARGH! organizado pola Asociación Profesioal de Guionistas de Cómic, Norma Editorial e a Fundación El Arte de Volar, pola súa obra Santuario.

Premio del Xurado Novo

Un pack de libros Estraperlo.

Xurado

Laura Calvo Gens

Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e con Màster en Estudis de Cinema i Audiovisual Contemporanis pola Universitat Pompeu Fabra. Actualmente é contratada predoutoral no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, onde imparte docencia en Historia da Cine e outras Artes Audiovisuais e realiza a súa tese de doutoramento. As súas liñas de investigación principais adscríbense á área da cultura visual e audiovisual contemporánea, á estética da ficción serial e televisiva e ás hibridacións entre formatos audiovisuais e outras artes, coas que traballou en numerosos cursos, congresos e seminarios. Ademais de ser colaboradora do Instituto de Estudos Culturais e Cambio Social (IECCS), en 2020 concedéuselle o III Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea polo texto Memoria do azul.

Xoana Díaz

É graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo en xullo de 2020 e conta cun Mestrado universitario en profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, con especialidade en artes. Estudou un semestre na universidade neerlandesa de Fontys School of Fine & Performing Arts, colaborando en diversos proxectos, exposicións, concursos e festivais.
Realizou o seu Traballo de Fin de Grao Materia Falada integrando a arte audiovisual sonora-experimental na instalación artística, complementando o seu proceso artístico en colaboración coa Aula permanente de música tradicional da Universidade de Vigo.
Actualmente, está interesada na arte multidisciplinar, combinando técnicas audiovisuais con manuais, e enfocando a acción experimental persoal cara a construción de novas ferramentas educativas. Ten formación en Ilustración Dixital pola escola superior Marcelo Macías e en maquillaxe a cargo de Susana Veira.

Cristina Chiarroni

Cristina Chiarroni (A Coruña, 1993) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde actualmente estuda o Máster en Dirección de Arte en Publicidade.
En 2020 participa no X Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura de Galicia, así como en diferentes exposiciónms colectivas ao longo do territorio español: Certame de artes plásticas Novos Valores (Museo de Pontevedra); BAG 4TH: Festival Internacional de Arte Contemporáneo (Granada) e Comunicació/Incomunicació (MuVIM, Valencia).
En 2021 forma parte do evento Tool Park en Studio Follow (A Coruña), e é seleccionada para o SALÓN BRAND NEW no Centro de Cultura Contemporánea Condeduque de Madrid.

Abraham Roberto Cea Núñez

Abraham Roberto Cea Núñez estudou o Grao en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, entre 2016 e 2020, e cursou o Máster en Estudis de Cinema i Audiovisual Contemporanis na Universitat Pompeu Fabra, entre 2020 e 2021. Realiza actualmente os seus estudos de doutoramento, especialmente interesado no cine, a estética contemporánea e a figura de Guy Debord, mentres colabora co Instituto de Estudos Culturais e Cambio Social.

Celia Eiras

Gústame escribir, gústame a cultura e gústame escribir sobre cultura. Unha das miñas grandes metas é lograr que a cidadanía confíe na miña voz. A outra, contribuir aos estudos de cine mediante a investigación. Sen menosprezar ao resto de disciplinas artísticas, o cine non deixa de salvarme a vida a diario.
Cun dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, Celia Eiras ten colaborado como redactora, editora ou fotógrafa en revistas, periódicos e publicacións, así como participado como xurado novo en festivais como Cineuropa.

Mauro Méndez

Son estudante de último curso de Comunicación Audiovisual. Sempre quixen dedicarme ao cine, e para iso traballei as miñas habilidades como comunicador tanto no medio audiovisual como na palabra escrita.
Teño coñecementos e experiencia en fotografía, edición de video, escritura académica e de ficción, dirección e producción. Busco entrar no sector cinematográfico para poder desenvolver o meu traballo en diferentes áreas e adquirir coñecementos e experiencia que me permitan levar a cabo os meus propios proxectos no futuro.

Premio Númax a la Exhibición

A obra gañadora estará durante unha semana en cartel en Numax.

Xurado

Equipo Numax.

Premio Contemporánea

A obra gañadora será exposta en galerías de Contemporánea durante un tempo a convir.

Xurado

Asociación Contemporánea

Premio Resorte

Tres meses de titoría online para o desenvolvemento dun proxecto artístico en Resorte (Valorado en 360€).

Xurado

Enrique Lista

Enrique Lista (Malpica, 1977) é Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Realizou investigación académica e actividades profesionais nos ámbitos da arte, o deseño gráfico, a fotografía e a xestión cultural. Como artista expuxo individualmente na Fundación Luís Seoane, Zona “C”, Galería Adhoc e Sala Alterarte. Participou, entre outras, nas mostras colectivas no MAC, MARCO, Centro Torrente Ballester, CGAC, Centre Civic Sant Andreu, Casa da Parra, Auditorio de Galicia, Fundación Laxeiro e Fotobienal de Vigo. Ten experiencia como docente universitario, asesor de proxectos artísticos e editor de libros de autor.

Aida Vallejo

Aida Vallejo é profesora de teoría e práctica de cine documental na Universidade do País Vasco (UPV/EHU). É especialista en cine documental de creación e festivais cinematográficos, áreas na que traballou como crítica, guionista, consultora, investigadora e docente.
Membro de comisións de selección de documentais (para o foro Lau Haizetara do Zinemaldia e o Festival Cine Invisible de Bilbao, ou a deputación de Bizkaia) e xurado de varios festivais internacionais.
Co-editora dos libros Documentary Film Festivals Vol.1 e Vol.2 e Film Festivals and Anthropology e de numerosos artículos científicos sobre cine documental, festivais de cine, etnografía/antropoloxía dos medios e narratoloxía). Escribe críticas de cine e noticias sobre documental aquí.

Investigadora principal do proxecto ikerFESTS (sobre festivais en Euskal Herria) e fundadora e coordinadora do Documentary Work-group da European Network for Cinema and Media Studies (NECS).
É tamén profesora e investigadora visitante de universidades europeas como St Andrews University e University of Glasgow (Escocia), FAMU (Praga) e Masaryk University (República Checa), CEU (Budapest) ou Aristotle University (Tesalónica, Grecia).
Finalmente, é a coordinadora dos premios universitarios da Academia do cine Europeo en España. European University Film Award.
Aida participará na mesa redonda sectorial “Mesa Proxecta: Estratexias para a organización e mantemento de eventos culturais no contexto da pandemia.”

Silvia Longueira

Directora da Fundación Luis Seoane, é licenciada en Historia de España. Máster en Medios de Comunicación pola UDC.
Creou a primeira empresa de xestión cultural+comunicación de Galicia: Rey de Oros. Durante dez anos traballou e executou diferentes proxectos culturais e de comunicación para empresas tanto públicas como privadas. Foi socia fundadora da Asociación Galega de Críticos de Arte. Ten publicado en diferentes medios de comunicación e editou e publicou libros e catálogos relacionados coa temática museística e traxectorias de artistas.
Dirixiu o desmantelamento de asentamentos precarios desenvolvendo diferentes ferramentas culturais coa poboación infantil e adolescente para favorecer a súa inclusión. Entre os seus últimos proxectos destaca a execución da construción colectiva do Despachito, xunto á Facultade de Socioloxía da UDC e o arquitecto Santiago Cirugeda, así como o comisariado da primeira exposición individual en España do artista e activista brasileiro, Paulo Bruscky.

Premio do Público

Dúas noites nun aloxamento Galicia Calidade.