Sophio Medoidze

txt

Como se mira desde dentro e desde fóra á vez? Como se constrúe un discurso fílmico democrático, que xogue a dar e a recibir, que sexa autoconsciente, suxestivo, profundo e, ao mesmo tempo, literal? Poderiamos imaxinar a obra de Sophio Medoidze coma unha sala de espellos, ou coma un tecido esfiañado. Nas súas pezas hai algo que escapa, un momento no que o entendemento rebota contra o código da imaxe, rózao, para comprendelo de maneira oblicua, nunha reconstrución intuitiva do que sucede. Mantemos o equilibrio de xeito precario, imbuídos na inseguridade do que non entende de todo, pero tamén no seu privilexio, accedendo así a un lugar de confluencia, de intersección de diferentes discursos ás veces antagónicos, ás veces complementarios ou paralelos.

A obra de Sophio pesa, porque está cargada: de historia, de cambio, de incomodidade, de lingua. Está cargada de pezas que encaixan e de pezas que non encaixan, de paisaxe, de memoria e de relatos (pero relatos pequenos, non grandes). Sophio sabota as súas propias certezas e as nosas, a súa mirada e o seu poder, e os nosos, e os de outras. Corpo a corpo, baila arredor da alteridade sen ser realmente outra, sen deixar que exista totalmente unha outra.

No foco a Sophio Medoidze asomámonos timidamente a esa complexa e sombría paisaxe, chea de afastamentos e proximidades, que conforma a mirada desta artista criada en Xeorxia. Esta paisaxe é pecorrida dun corpo a outro, no chan, e sen embargo inestable coma un soño, sospeitoso coma un rapto. Trátase de xerar unha rapsodia de camiños falando e escoitando, lanzar unha pregunta, xerar un discurso, construír sobre a memoria e socavar o aprendido, para intentar entender a violencia, para levantar sospeitas sobre as dinámicas de construción do cotián, de crecemento e de cambio, e evidenciar a fraxilidade da liña que separa o real do ficticio. Ao fin, apenas nos facemos unha idea do moito que se perde na trasfega da linguaxe, e o moito que se gaña ao recoñecerse unha e outra vez no espazo, na pel e na mirada das outras.

 

Texto curatorial (por Lara Castro Lema)

Sophio Medoidze

O foco a Sophio Medoidze, comisariado polo británico Adam Pugh, transpórtanos nunha viaxe sorprendente, precaria e irónica, cargada de humor, de crítica e de historia, a través do imaxinario da artista, que bebe dunha Georgia complexa e chea de contradiccións.

Mércores 27 outubro | 16:30 – 18:00h

Fundación Luís Seoane

Co apoio de: