Planetario

TXT

Planetario é unha sección adicada á vangarda técnica do audiovisual contemporáneo, poñendo o punto de mira nunha área aínda en proceso de exploración, como é o cine de cúpula. A selección conta con gran variedade de linguaxes e narrativas, que xogan no espazo semiesférico da pantalla a crear ilusións arquitectónicas, definindo unha experiencia audiovisual envolvente e pouco habitual. As creadoras válense da videodanza, a animación 3D, os efectos ópticos, o videomapping ou o stopmotion -entre outros recursos-, para desenvolver as pezas que conforman cada unha das sesións.
En Liminality hibrídanse a paisaxe, o urbanismo e os ritmos de Gales e India, para crear unha continuidade de escenarios e de corpos. Xérase na imaxe unha sorte de mandala, un kaleidoscopio bailado do fronteirizo: báilase nun lugar suspendido, nin nun sitio nin noutro, senón no territorio creado tras a colisión de dous espazos. Existe tamén unha certa liminalidade en Urban Levitation, onde a cidade convértese nun escenario entre o grávido e o ingrávido. A violencia da engranaxe urbana e as súas inmensas estruturas entrelazadas suspendidas no baleiro, son percorridas polo espectador como un astronauta que observa a sua deconstrución, aboiando arredor coma nunha expedición futurista. E precisamente iso é o que nos propón Emersive: unha entrada a un túnel infinito, a unha sucesión de estancias metamórficas, entre o pasado e o futuro. Os patróns mergúllannos de vagar nun trance onde proxectar a propia subxectividade, onde perderse cara o interior dun universo volátil de redes infinitas, simulacro do posible. Wansui desenvolve tamén un simulacro no que a cámara ofrece unha visión microscópica e telescópica de ciscallos. A humanidade tras a energía nuclear e o progreso salvaxe deixa un testamento deforme, contaminado. Deixa unha pegada indeleble.
E outras pegadas atopámolas en Sonolumin, máis ben, o rastro de luces de cores que, proxectadas sobre diferentes escenarios urbanos, debuxan sobre a arquitectura unha dimensión onírica, que combate o peso dos muros con aparicións fugaces e rítmicas.
Babel e SUPREMATISM. The day before constitúen un exercicio de deconstrución formal, indagando nas dinámicas arquitectónicas de diferentes hitos da historia da arte e xerando unha comprensión esencial, atómica, pero tamén espacial dos elementos que os constitúen.
En Infinite Horizons propóñense camiños inacabables, ábrese na pantalla un espazo vertixinoso, só limitado polo horizonte no que se perden as estrelas. Existe nestas imaxes un certo carácter de arela, como en Melancholia. Esta peza presenta unha viaxe surreal, sinónimo dun estado de conciencia ensimismado, solitario, cargado da melancolía propia da ruína, das paraxes inmensas e antigas que poden estar dentro e fóra dunha mesma. Este ensimismamento ten que ver con cautiverio que nos remite a Skylark (laverca). Valéndose do efecto moiré xerado por patróns xeométricos, Jérémy Oury constrúe unha gaiola óptica. Pouco e pouco, a espectadora transcende os barrotes virtuais coma unha laverca, asistindo á transformación sinuosa das formas que a arrodean, liberándose paulatinamente do seu cautiverio.
Outro camiño ben diferente ségueo Beautiful Baby Tilapia, sendo o resultado dun proxecto colaborativo, no que as debuxantes da animación son nenxs. A súa estética naive, enche de cor e espontaneidade á peza e convértea nunha creación sen pretensións, próxima e tenra. How it was told to me e Der Mond, pola súa parte, remiten á estética do recorte e á silueta, enfatizando, sen embargo, o volume das diferentes superposicións de planos e personaxes.
Fractal Time é unha fantasía espacial, na que as paisaxes mutan e encadéanse diferentes superficies planetarias, nunha viaxe fragmentaria polo posible.
Planetario recolle baixo o seu paraugas unha mostra heterxénea de traballos, ofrecendo así unha panorámica do potencial creativo do cine de cúpula e a súa creación internacional contemporánea, e reservando un espazo de visibilización para os últimos avances tecnolóxicos do audiovisual.

Texto curatorial (por Lara Castro Lema)

Planetario

PLANETARIO é unha sección adicada a pezas audiovisuais de cúpula. Trátase dunha experiencia inmersiva que amplía os límites da pantalla e introdúcenos a outras formas cada vez máis sofisticadas de traballar coa imaxe en movemento.

Sábado 23 oct | 20:00 – 21:00h

Luns 25 oct | 17:00 – 18:00h

Casa de las Ciencias

Domingo 24 oct | 20:00 – 21:00h

Luns 25 oct | 18:30 – 19:30h

Casa de las Ciencias