Pasaia Bitartean

txt

Ás veces para atravesar unha distancia ou adquirir perspectiva debemos atopar a forma de aboiar sobre ela, de esvararmos na dirección oposta do que imos a observar para facelo máis pequeno e abranguelo, ou ben estrelarnos coas pernas contra ese lugar, e percorrelo sen velo, camiñalo sen comprendelo nunca de todo. Navegar permítenos flotar, pasar ante os edificios e as persoas lentamente; pasar de longo, dun lado a outro, a dentro. Pasar. Pasear. Pasaia Bitartean é un paseo que nos axuda a ver a cidade. Fálanos da cidade escenario, da cidade cemiterio, que se autodestrúe reconstruíndose, cuxa memoria vai sedimentando sobre todo aquilo que xa non é o que foi. A cidade convértese así nun ente poboado de fantasmagorías que só existen porque quen vive nela viu os cambios e proxéctaos nos seus recordos a modo de veladuras e espectros de movemento, arquitectura e vida, tan mutante no urbano como na natureza.
Abórdase a cidade como representación, e os edificios coma libros cuxas historias non se articulan mediante a palabra. Pero Pasaia sí emprega a palabra para falar da cidade. As cidadás falan dela. Compréndena dende a mirada e a expresión oral tanto como dende a experiencia. Na cidade todo pasa. É ao mesmo tempo un gran punto de encontro cheo de interseccións e unha gran librería silenciosa. En Pasaia a cidade atrápanos nun espazo reducido e abandónanos a un tempo inmenso – como observa un dos seus habitantes – a un tempo que percibimos pero non podemos comprender por completo, nin alonxarnos flotando del, navegando, para apreciar de lonxe o seu contorno.
O tempo da cidade, os seus tránsitos e as súas vidas, os seus ritmos e historias crúzanse neste paseo, atravesando Pasaia.

 

Texto curatorial (por Noa Castro Lema)

Pasaia Bitartean

Pasaia Bitartean é unha aproximación fílmica ao entramado urbano de Pasaia, municipio no que se ubica o principal porto comercial de Guipúzcoa. O seu tecido industrial e urbano creceu e estructurouse en torno á actividade do porto que, a partir da crise dos 70 e ata a actualidade, foi diminuíndo.

 

Sábado 30 outubro | 16:30 – 18:00h

Fundación Luís Seoane

Co apoio de: