Hamaca

txt

Na presente edición de INTERSECCIÓN, Hamaca presenta un programa heteroxéneo, no que se intercalan violencia, fantasía, plasticidade, historia, e visión crítica do social.
Pódense trazar diferentes liñas que atravesan todas as pezas, destacando, talvez, a corporalidade. En 127 bofetadas o corpo é o mecanismo de agresión que substitúe ao aparato burocrático e político e o suxeito paciente e activo do sinistro. Cuerpos #1 Santa Águeda desenvólvese, precisamente, arredor do corpo, nunha especie de diálogo escultórico afectivo, no que as peles e as subxectividades achéganse e obsérvanse, tócanse, arrimando tempos e materialidades. O corporal aparece tamén en Los jóvenes del barrio, onde os corpos son observados e analizados nas súas dinámicas cotiás, no seu contexto particular, coma un só corpo e coma moitos, dialogantes, dependentes, sometidos aos mesmos problemas e condicións, afectados mutuamente.
Ademais, atopámonos cunha preocupación pola subxectividade e a comunidade. No caso de 127 bofetadas e Los jóvenes del barrio, emprégase a visión subxectiva dos membros dunha comunidade para narrar ou codificar na representación aquilo que nos violenta ou nos condiciona como pezas dunha engrenaxe común, sempre desde dentro. Cuerpos #1 Santa Águeda, pola súa parte, recolle experiencias, obsesións, sensacións ou desexos, e canalízaas cara o plástico, cara o táctil e suxerente dos sons e as texturas, creando identificacións comunitarias ou manifestando, con humor, traumas que trascenden ao individuo.
As pezas que conforman esta selección teñen un carácter contundente, sensorial e agridoce. No seu conxunto, apelan á mirada e á capacidade crítica, abogan pola busca e a curiosidade, e ofrecen escenarios terroríficos e suxerentes, tanto reais como ficticios, nun diálogo de perspectivas de diferentes momentos e lugares.

Texto curatorial (por Lara Castro Lema)

Hamaca

Hamaca presenta en INTERSECCIÓN da man da súa directora Eli Lloveras unha selección de obras creadas entre 1984 e 2020 por autoras españolas. Os títulos que conforman este programa son 127 bofetadas, Cuerpos #1 Santa Águeda e Los jóvenes del barrio.

Domingo 31 oct | 19:30 – 21:00h

Fundación Luís Seoane

Co apoio de: