Galicia

Veo veo

Sabela Eiriz

— Estrea mundial —

Vídeo HD | Son | Color | 4’ | 2021

[OBRA] 

Veo veo é unha procura a modo de xogo intuitivo. Un recordo a modo de ensaio, de viaxe a través de imaxes fixas. Unha inmersión audiovisual nun momento de transición entre un lugar e outro.

[BIO] 

Artista visual cuxos medios principais son a fotografía, o vídeo e o texto. Mergullada no tempo, na identidade e na memoria, traballa dende a emoción, o conceptual e o poético. + 

!DOCTYPE html

Blanca Rego

— Estrea galega —

Vídeo HD | Son | Cor | 4’ 32’ | 2016

[OBRA] 

!DOCTYPE html é un exercicio conceptual arredor do que esconden os datos dixitais. Un documento HTML converte en son e o son convértese en imaxe. O que escoitamos e vemos é abstracto. Aparentemente, non ten ningún significado, pero detrás da transcodificación hai uns datos, unha páxina web, que no seu formato orixinal tiñan sentido e que un algoritmo podería entender e usar para tomar algunha decisión que nos afectase persoalmente.

[BIO] 

Fascinada polo cinema dende a infancia, estudou dirección de cine e posteriormente animación dixital. + 

Deeper

Ruth Montiel Arias

— Estrea europea —

Vídeo HD | Son | Cor | 5’ 50’’ | 2021

[OBRA] 

Cando á maioría das persoas se lles di que pensen no mar, moitas visualizarán unha imaxe bucólica e romántica: un solpor ou amencer tomando o sol nunha toalla ou tumbona, o quiosco cunha bebida na man ou imaxes de praias paradisíacas cun inmenso mar. Esa imaxinería, que fomos construíndo ao longo dos tempos, é unha construción ficticia que nos anestesia ante a realidade das profundidades dos mares. Pero non todo é así. Unhas poucas persoas imaxinan grandes treboadas, titánicas ondas batendo contra rochas ou faros e, se son aventureiras, viralles alguna imaxe de mares conxelados cubertos de glaciares e animais lanzándose á agua.
Cantas persoas imaxinan o mar coma un auténtico campo de batalla onde se producen xenocidios constantes desde que o home é home? Cantas persoas visualizan o que sofren os seus habitantes? Cantas de nós pensamos na paisaxe que non se ve, no mundo baixo a superficie? Canto podemos sandar nun espazo invadido e destruído?
O número de peixes que os humanos matamos cada ano oscila entre o billón e os 2,7 billóns*. Para poder comprendelo mellor, se os poñemos en fila (a media da lonxitude dun peixe é de 15 centímetros), formarían unha liña da Terra ao Sol e viceversa duns trescentos millóns de kilómetros.
Este é o punto de partida de “In The Depth Of Space 2050“, un proxecto que fala da explotación e violencia sistemática realizada polo humano e que se agocha na profundidade dos mares aniquilando billóns de vidas animais.

 

*Cálculos da investigadora Alison Mood obtidos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) entre 1999 e 2007. Do libro El ingenio de los peces de Jonathan Balcombe.

[BIO] 

Ruth Montiel Arias. Palmeira (A Coruña) 1977. Graduada en Artes Aplicadas pola Escola Superior de Artes Pablo Picasso na Coruña. Realizou o Máster de Fotografía Concepto e Creación EFTI, Madrid e o Máster de Identidade Corporativa na Escola Superior de deseño Elisava, Barcelona. + 

El cansancio tiene un gran corazón

Acacia Ojea

— Estrea galega —

Vídeo HD | Son | Cor | 5’ 40’’ | 2020

[OBRA] 

Realizada durante o confinamento, esta peza xorde da reflexión a partir da lectura de dous libros (“La sociedad del cansancio” de Byung-Chul Han e “Nudos, a trama dos sentimentos” de R.D. Laing) e a dixestión emocional desta situación concreta. Un proceso de observación, de repouso e de respecto ás diferentes xestións e tempos emocionais das demais. Tamén un inevitable repensamento identitario a partir do espazo e o contexto. Gravada na casa dos meus pais en Vigo, durante este período de tempo que nos xuntou en convivencia a toda a familia, coa miña primeira cámara de vídeo, que despois de moitos anos seguía esperándome na miña habitación.

[BIO] 

Con formación musical clásica, Acacia Ojea (Vigo, 1994) gradúase en Belas Artes en 2017. Traballa no sector cultural en cidades como Marsella (Fr) e Porto (Pt) dentro do ámbito das artes vivas e o cine e instálase en Madrid onde realiza os seus estudos de posgrado en Creación Audiovisual Contemporánea en Master LAV. +

Mimic this

Alejandra Pombo

— Estrea mundial —

Vídeo HD | Son | Cor | 11’ 33’’ | 2020

[OBRA] 

Mimic This (2021)  segue a exploración que comecei cunha peza anterior Hold It (2017) con imaxes alleas, extractos de películas e material de Youtube, para explorar a través de diferentes estratexias formais unha especie de statement acerca de ideas e conceptos en relación ao meu modo de entender a arte. En Mimic This creo unha serie de situacións cun grupo de xente, que a modo de chamada e resposta, intercálanse coa montaxe do material alleo.

[BIO] 

Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979). Licénciase en Artes Visuais na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. +

Tenerife

Carme Nogueira

— Estrea galega —

Vídeo HD | Son | Cor | 14’ 13’’ | 2020

[OBRA] 

O vídeo Tenerife propón un diálogo co traballo homónimo de Allegret e Lotar e quere propoñerse potencialmente como material pedagóxico. Pretende crear unha relación co espectador e o tema, o territorio, aberta, sen tratar de explicalo, permitindo xerar fugas e posibilitando incorporar outras interpretacións.
O vídeo amosa o proceso de elaboración dos debuxos que forman parte dunha instalación, coa que se pode contextualizar o vídeo. As reservas no papel, baixo unha capa de pintura negra e a súa retirada posterior para desvelar a imaxe van configurando a paisaxe. Esas imaxes do proceso van acompañadas dun audio no que se pode escoitar o audio orixinal da película de Allegret e Lotar (en francés) de fondo sendo doblado simultáneamente pola autora ao castelán. Unha traducción que inclúe as dúbidas, os balbuceos e, con eles, unha mirada subxectiva.
Este modo de configuración do visible quere eludir as imaxes orixinais da película para poder actualizala, dalgún xeito, incorporando outros puntos de vista, imaxinacións ou proxeccións futuras.

[BIO] 

Carme Nogueira (Vigo, 1970) é artista multidisciplinar e investigadora. Ten traballado sobre os procesos de subxectivación e a función normalizadora dos espazos a través da investigación artística. +

Hauntopolis

Santiago Talavera

— Estrea mundial —

HD vídeo | Son | Cor | 7’ 55’’ | 2019

[OBRA] 

Hauntopolis é un vídeo caleidoscópico que mostra os restos dunha paisaxe inhóspita, creando unha xeografía imaxinaria en continuo crecemento. Os escenarios quedan atravesados por presencias espectrais e o anhelo dun tempo que puidese tomar outros camiños.
O título, en referencia á “hauntology” de Mark Fisher, sitúanos nun presente cultural pregado sobre si mesmo, absorto nunha estraña simultaneidade de ecos dos futuros que proxectou a modernidade. Inmersa nunha sensación de engano colectivo, calquera idea de continuidade histórica ou progreso hoxe enfróntase a unha gran malla de emisións televisivas, mensaxes, arquivos spam e vídeos en complexos dispositivos que materializan aquela visión “espectacular” de Guy Debord, na que o exceso de imaxes transformaría o propio capital en imaxe.

[BIO] 

Santiago Talavera estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid, incluíndo unha beca dun ano no Camberwell College of Arts de Londres. +

Galicia

Para a sección galega do festival apostamos por unha selección heteroxénea en canto a estilos, formatos e perfís, perseguindo os rastros dunha cartografía do habitado que se proxecta dende o dixital, o distópico, o íntimo, o físico e o cultural.

Venres 29 outubro | 21:00 – 22:30h

Fundación Luís Seoane