Galicia

Interpelar a pausa

Nun momento de exceso de estímulos visuais e informativos, moitas veces pronúnciase a cegueira ante esa realidade que camiña silenciosa xunto á cadencia dos nosos pasos. Hai unha certa ansiedade polo simulacro que ensombrece o común e nos fai contemplar a vida dende un atropelado sistema de inercias no que a pausa parece terse absorbido do diccionario. Pero gústame interpretar a pausa como un dos soportes da arte. É un soporte porque permite sucumbir á sobre-excitación contemporánea e métese entre as fendas para escorregar outros rumbos posibles; para poñer en cuestión o mundo. Nesta edición de INTERSECCIÓN, tras máis dun ano tratando de asimilar unha nova situación de pandemia mundial que puxo en evidencia o estado natural das dinámicas sociais, interesámonos por aquelas miradas que introducen discursos acerca do espazo e os seus tránsitos, da súa construcción social e política, pero tamén poética. Unha vez máis apostamos, para a sección galega do festival, por unha selección heteroxénea en canto a estilos, formatos e perfís, perseguindo agora os rastros dunha cartografía do habitado que se proxecta en múltiples significacións para concibir outros lugares posibles: o dixital, o distópico, o íntimo, o espectral, o físico, o cultural…
Algunhas veces trátase de habilitar procesos de observación que actúen a modo de arquivo de memorias. Como no Veo veo (2021), onde Sabela Eiriz explora o fotográfico como unha metalinguaxe á que nos asoma a través das imaxes contidas na pantalla do seu ordenador. Prodúcese así unha sensación enfrontada entre a quietude do que vemos e o movemento do cursor, que nos vai transportando polos diferentes rincóns de cada fotografía. A artista fragmenta a mirada, québraa en anacos, difumínaa, e só ás veces amósanos o contexto de todo ese conxunto de detalles que se compoñen como unha narración vital. Porque hai moito de escritura interior, de collage de formas e formatos, tanto que a propia palabra acompaña, como elemento de evocación, cara o asombro do cotiá. Tamén no caso de Acacia Ojea o diario, o corrente, toma unha dimensión maior. Pero El cansancio tiene un gran corazón (2020) ten o confinamento como punto de orixe e o horizonte é máis introspectivo; condúcenos ao fogar, á ilusión da paisaxe dende fiestra. En forma de aforismos breves, as súas escenas condénsanse como unha serie de afectos subordinados; impulsos emocionais que responden á estética do haiku e tradúcense na linguaxe audiovisual a partir da interpretación dos libros A sociedade do cansancio de Byung-Chul Han e Nudos: a trama dos sentimentos de R. D. Laing.
Noutras ocasións os percorridos son máis incisivos. Sucede nas propostas de Ruth Montiel Arias, Santiago Talavera e Carme Nogueira, nas que o territorio aparece como concepto dende o cal explorar conflictos que teñen que ver coa dominación humana. Así, Santiago Talavera presenta en Hauntopolis (2020) a simulación dunha cidade imaxinada, atravesada pola especularidade dun mundo asfixiado de imaxes e dogmas. Este vídeo, que forma parte dun proxecto maior, permite apreciar a condición híbrida da súa obra, unha aposta pola colisión de linguaxes visuais que se significan tanto na súa coherencia estética como conceptual. Localizacións complexas de ubicar, planos aéreos que se contrapoñen a outros xerais e ilustran a sospeita dun espazo-tempo sumido na crise e a indefinición, formulando preguntas arredor da cidade do porvir. No seu novo proxecto, Ruth Montiel Arias mantén a súa reflexión acerca das consecuencias da acción humana sobre o planeta e o concepto de poder asociado á destrucción. Así, as primeiras imaxes de Deeper (2021) amosan a grandiosidade do mar, a súa beleza hipnótica, mentres unha voz en off desgrana o crudo relato do maltrato á natureza. Neste sentido, a peza abraza o paradóxico coma o fiel reflexo da actitude humana: se a vista se recrea coa voluptuosidade do mar e o seu carácter inconmensurable, a realidade fala dunha mutilación paulatina que busca perpetuar, como apunta a artista, a nosa propia hexemonía. En Tenerife (2020), Carme Nogueira parte do documental homónimo de Yves Allégret e Eli Lotar (1932) para interesarse polas implicacións políticas, sociais e culturais que se xeran en relación á construción do territorio. O audio do filme é traducido do francés pola artista a modo de guía histórica, pero a súa voz ás veces entrecórtase, dubida: parece que cuestiona. Cuestiona a recepción, individual e colectiva, dunha información a miúdo enmascarada polo xuízo do poder. Seguindo este xogo, as imaxes orixinais son sustituídas por un debuxo que se vai desvelando por capas e organiza así un novo procedemento dende o que estimular a interpretación dos tempos e tránsitos urbanos.
Por último, hai outro tipo de espazos que pertencen a universos máis complexos, ou menos tanxibles, pero que axudan a alumear todo un imaxinario dende o que asomarse, novamente, á constitución dos soportes sociais. Un deles é o que presenta Alejandra Pombo en Mimic this (2021), pragado de subxectividades nas que se abrazan culturas diversas, expresións e supersticións. O filme intercala imaxes de persoas realizando diferentes accións nun bosque, a modo de impulso performático, con escenas de arquivo de películas icónicas e extractos de entrevistas a actores e cineastas. Todo simula un estraño engrenaxe inconcreto que adquire precisamente lucidez na aparente ausencia de relato. Alejandra Pombo logra hilvanar fragmentos cunha sutil precisión, salta do diálogo ao xesto, do interior á paisaxe, para trazar unha simboloxía emocional na que é fácil recoñecerse. E, dende o cine a cada unha das tecnoloxías de comunicación, que sucede con todo ese mapeo dixital configurado nas nosas pantallas? O ritmo frenético das propostas de Blanca Rego podería levarnos a pensar na catarsis da sociedade actual, aínda que no seu caso trátase dun exercicio de relacións entre os datos dixitais da imaxe e o son. !DOCTYPE html (2016) funciona como un palimpsesto contemporáneo dende o que descubrir as traduccións visuais e sonoras do gran universo de datos oculto nos nosos sistemas. O resultado, unha explosiva experiencia plástica que podería asociarse tanto coa psicodelia como cós primeros experimentos pictóricos sobre celuloide de Norman McLaren ou Len Lye. Formas abstractas que rebotan e reverberan acompañadas do mesmo pulso inquieto do son e que conforman, dalgunha maneira, os patróns visuais do sistema dixital; unha nova lectura para unha cartografía moderna do espazo.
Con estos outros lugares cada artista contribúe, dende a súa perspectiva, a desacelerar os ritmos. Propoñen unha degustación sosegada do real que acaba por articular o seu cuestionamento, ás veces con intención crítica e outras co obxectivo de avivar a percepción. Pero sempre con esa facultade, que interpela á pausa, de converter o visible en inédito.

Texto curatorial (por Sara Donoso)

Galicia

Para a sección galega do festival apostamos por unha selección heteroxénea en canto a estilos, formatos e perfís, perseguindo os rastros dunha cartografía do habitado que se proxecta dende o dixital, o distópico, o íntimo, o físico e o cultural.

Venres 29 outubro | 21:00 – 22:30h

Fundación Luís Seoane