Félix Fernández

bio

Na práctica artística de Félix Fernández a investigación sobre contidos é sempre unha prioridade, aos que se adapta a forma reforzando a mensaxe, en constante comunicación e empatía co espectador, nunha búsqueda de ser un espello onde o público se sinta reflectido.
A súa forma de abordar a arte é a través dunha profunda análise e cuestionamento da nosa sociedade poñendo o foco en como nos podemos ver afectadas por cuestións socio-políticas, tecnolóxicas, medioambientais ou relativas aos mass-media cando traspasan a esfera do público, filtrándose nos aspectos máis íntimos e existenciais das nosas vidas.
Interésalle especialmente a posibilidade de transformación social que ten a arte e por iso subxacen en toda a súa obra elementos narrativos que o axudan a vehicular a mensaxe de forma non elitista e inclusiva. Tanto o autorretrato como a autoficción son formas comunicativas das que se ten servido en innumerables ocasións poñendo o corpo e a autobiografía ao servicio de ensaios onde reflexionar sobre aspectos máis xenéricos do ser contemporáneo.
Félix Fernández é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e fórmase paralelamente en danza contemporánea, performance e producción sonora-musical.
Foi becado por espazos e institucións como La Casa Encendida, o Museo Gas Natural Fenosa, o Centro Coreográfico Galego, o Addaya Centre d‘Art Contemporani, o espazo Escénico DT ou o INJUVE. As súas obras foron premiadas pola Comunidade de Madrid, a Casa de Velázquez, o Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura ou nos Festivais Canariasmediafest ou o Festival Internacional de Cine de Ourense, entre outros.
A súa obra foi exposta no Museum of the Americas, Washington, O Museo Nacional de Cartago, no DA2 de Salamanca, na Galería Art Claims impulse de Berlín, na Galería Charlotte13 de Leipzig, na Kunstlerhaus de Dortmund, Alemaña, nos Centros Culturais de España de Montevideo e Lima, no MARCO de Vigo, e na Galería El Museo de Bogotá, entre outros.
Nos últimos 5 anos desenvolve paralelamente a súa carreira musical baixo o pseudónimo de Jëan Fixx, tamén xestiona o seu espazo-laboratorio en plena natureza galega chamado Presente Continuo Camp/Lab e é socio fundador do Colectivo RPM, colectivo galego adicado á xestión innovadora de proxectos culturais en torno ás artes vivas.

Félix Fernández

O foco a Félix Fernández é un percorrido pola extensa carreira do autor, dende as súas obras de xuventude ás realizadas nos últimos anos, trazando unha panorámica sobre o seu imaxinario persoal, o pensamento e as motivacións que están detrás das súas creacións.

Xoves 28 outubro | 16:30 – 18:00h

Fundación Luís Seoane