Explicación da casa

txt

No tempo do tempo, 
retornamos ao tempo da noz.

Conteñamos a respiración, depositando os nosos ollos nas mans de Catarina, entremos nun túnel somerxéndonos en augas profundas. Na intimidade do Eu atoparemos a luz, na imaxe que se compón, sutilmente, no encontro co Ser.
Beatriz, Henrique, os seus fillos, os seus netos… As súas cartas, a súa historia. O universo persoal de Catarina atópanos na nosa historia, no sentimento común, universal, o pathos tráxico da perda, que Catarina volve do revés apelando á intimidade do espectador. O poder simbólico de cada obxecto, cada palabra, xesto ou paisaxe entrégasenos como redención das arbitrariedades do camiño.
En tensión contemplativa, o tempo suspéndese. Catarina colócanos en retrospectiva. Tamén nós evocamos aos nosos mortos, os nosos lugares, as cartas que non escribimos e que agora tantexamos, habitando a composición simbólica de imaxes, palabras e melodías.
Identificamos impresións, impulsos, emocións e espertamos a través da revelación poética da humanidade, a través da metamorfose do que temos sido noutros, do que somos en nós mesmos, do que seremos en quen nos suceda.
E na inmortalidade da transmutación a inmensidade da Terra, regazo materno que permanece, como memoria do corpo ausente, e que nos acolle, dándonos a medida. A medida esencial de tódalas cousas.
Repetimos cara adentro, entre dentes, oracións, emocionados pola maxia do ritual primitivo, do retorno a aceptación do inexplicable. A morte como principio de rexeración.
E aínda somerxidos, abalados pola música, retornamos ao humus amniótico, a través da metamorfose dos paxaros de Catarina, transformándonos nos peixes repercutidos da poesía de Herberto Helder, que, curiosamente, atopamos xeados en Trás-os-Montes de António Reis e Margarida Cordeiro. E comprendemos a Domenico, en Nostalghia de Tarkovsky, dende o alto da estatua de Marco Aurelio, alertándonos da necesidade de volver ao principio.
O cinema de Catarina deambula entre a percepción dos pequenos detalles e a enormidade do mundo que os acolle. A través das súas imaxes reencontramos a poética esencial da composición do universo somerxido das emocións, nunha toma de conciencia, a través de relacións empáticas, de sentimentos comúns. E se recoñecemos a Tarkovsky ou a Bergman, redescubrimos a lectura continuada desa carta que unha parte substancial do cine portugués tamén ten escrito ao Tempo e que Catarina retoma nunha pausa discursiva e reflexiva, ofrecéndonos o fluxo da respiración, como quen pinta un cadro. A cada pincelada reconciliámonos co mundo. Non é casualidade que nas súas películas Catarina revisite a pintura como elemento segredo e revelador dunha conciencia espiritual que nos prolonga nun diálogo que se produce a través das imaxes.
O que non dixemos revélase agora – a arte ten este poder, o cinema esta sinceridade: a do encontro das nosas paixóns na amplitude do Eu, nun espazo absoluto e real, liberándonos. Con Catarina recuperamos o tempo da pneuma e do tonos, o tempo do Tempo. O tempo da mirada.

 

Texto curatorial (por Leonor Lloret)

Explicación da Luz

Explicación da luz, componse de dous programas comisariados pola investigadora, conservadora e xestora cultural luso-española Leonor Lloret (Appleton Associação Cultural). A primeira é unha sesión colectiva e a segunda está adicada á artista Catarina Vasconcelos, de maneira que xeran entre ambas unha revisión poética e sutil do que nos une ás outras e ao mundo, do fogar e do tempo dende múltiples puntos de vista.

Xoves 28 outubro | 18:30 – 20:00h

Fundación Luís Seoane

Viernes 29 oct | 18:30 – 20:00h

Fundación Luís Seoane

Co apoio de: