Antoni Muntadas

Entrevista a Antoni Muntadas por Sara Donoso

Sara Donoso: Nesta edición de INTERSECCIÓN 2021 queremos poñer o foco nos ritmos urbanos, explorando as súas memorias e organigramas sociais. É algo que está moi presente no teu traballo. Ao longo da túa traxectoria, que che interesou destas cuestións?

Antoni Muntadas: Eu considérome urbano, son alguén que vive e traballa nas cidades, que sempre teñen sido un elemento de eco e repercusión. Co tempo, isto levoume a desenvolver unha serie de traballos nos que a cidade ten sido punto de referencia como na exposición Muntadas Projects (1974-2004). On Translation: Spaces of Memory (Bremen, 2004) ou nos proxectos Museum Stadt (Galerie De Lege Ruimte, Brugge, 1991) y Ville Musée (Galerie Gabrielle Maubrie, París, 1991) do que realicei diferentes versións posteriores… Por outro lado, o feito de que os meus proxectos se desenvolvan en cidades xa conforma unha relación totalmente definida co contexto e xorden aspectos diversos que teñen que ver coa parte sociolóxica, urbanística, etc.

SD: As cidades e os seus fluxos acaban por xerar determinados espazos de pensamento, así como dualidades (público/privado, eu/outro) que poden derivar en inseguridades tanto individuais como colectivas. É algo que queda patente en pezas como On Translation: Fear/Miedo (2005) ou On Translation: Miedo/Jauf (2007), onde reflexionas sobre a construción do medo. Se nos centramos nestes dous filmes, ¿que aspectos dirías que teñen en común e en cales se diferencian?

AM: O traballo sobre o medo iníciase con On Translation: Fear/Miedo a partir de observar o que sucede na fronteira entre Tijuana e San Diego. Interesoume traballar sobre o medo como contrapunto ao concepto de violencia; para min o medo prodúcese antes e despois da violencia. A relación na fronteira está clara e o medo non se afronta do mesmo modo do sur ao norte que do norte ao sur. Posteriormente, este traballo desenvolveuse entre Tarifa e Tánxer (On translation: Miedo/Jauf) onde a situación é moi diferente, xa que o principal elemento fronteirizo é o mar.
Tamén hai moitas cousas similares, aínda que no caso de Miedo/Jauf engádese a relixión, con toda a implicación do Islam, que fai máis complicada a relación coa política.

SD:E no caso de Alphaville e outros (2011)? Tamén hai certa relación coas outras pezas.

AM: É un traballo que se desenvolveu en Brasil varios anos despois pero forma parte de toda esa serie de traballos que debuxan o territorio da construción do medo. Dende hai tempo son consciente de que o medo ten sido un elemento condutor e manipulador, sobre todo a nivel político.

SD: Está moi relacionado co concepto de poder.

AM: Si. O poder controla, manipula e sérvese do medo para conseguir as súas metas. Hai unha relación clara entre eles. Sendo unha sensación ás veces persoal, subxectiva, comprende unhas características que entroncan co social e o político.

SD: Tamén encontramos unha interesante análise sobre o espazo público en On Translation: Açik Radyo (2010). Desenvolto en Estambul, nesta proposta introduces activamente o papel do artista, xa que participaron creadores/as de diferentes países europeos. Gustaríame preguntarche sobre o traballo en equipo e os ritmos de cada proxecto cando entran en xogo diferentes axentes.

AM: Fun invitado a Estambul no ano 2010 para traballar durante dous anos nun proxecto. Adiquei o primeiro ano a coñecer o contexto en profundidade e a traballar cun equipo establecido na cidade. A partir do material que tiña acumulado, durante o segundo ano comecei a pensar o desenvolvemento. Interesábame poñer a Açik Radyo no centro. Trátase dunha radio totalmente alternativa que sobrevive ás situacións políticas, un proxecto moi interesante. Decidín traballar con eles e para eles creando catro programas de radio baseados no mito, o estereotipo, a estructura cultural en Estambul e a censura. Estes programas fixéronse a través de Açik Radyo e deron a base para posteriormente realizar o vídeo. Todo iso foi editado utilizando escenas da radio e outros elementos que filmei, todo compón un proxecto de equipo e un traballo de edición moi forte.
O que foi interesante deste traballo, que considero un proxecto de espazo público porque estaba implicada a radio, é que Açik Radyo acabouse apropiando del e utilizouno como un elemento propio. Eu creo que o problema cos traballos no espazo público é que si non hai alguén que se apropia diso, que o fai seu, non ten sentido.
 

SD: Mencionas o traballo de edición, é algo determinante na túa obra, que parte sempre de procesos moi longos.

AM: Para min o editing, ou a selección de materiais para o traballo final, é o que define a obra. O momento no cal tómanse tódaslas decisións e onde o traballo se acaba. O que hai que amosar é a síntese do proceso xa sexa en pintura, fotografía ou calquera outro medio. No caso do vídeo ou do cine é fundamental.

SD: Outra das pezas que veremos en INTERSECCIÓN é Video is Television? unha obra do ano 1989 onde as imaxes fusiónanse como nun xogo caleidoscópico no que van aparecendo as palabras “manipulación”, “contexto”, “fragmento” ou “audiencia”. Que lectura fas desta obra no momento presente?

AM: É un traballo sobre o que eu chamo media landscape, o vídeo final inclúe imaxes da televisión, do cine, vídeos meus e doutros artistas…. Un collage onde a palabra incide sobre a imaxe e constrúe certas conexións. Eu creo que as obras están ligadas ao tempo en que se fan pero esta peza creo que segue sendo válida porque fala da relación entre as imaxes e a palabra.

SD: Por último, gustaríame comentar a frase “A percepción require participación” que se repite como leitmotiv no teu traballo e tes empregado en diferentes formatos e contextos dende os anos 90. Comentabas antes, en relación a Açik Radyo, a importancia de que o público se apropie das obras. Gustaríame saber se notaches algunha diferencia entre o espectador de hoxe e o público de fai unhas décadas.

AM: Os traballos son elementos para ser percibidos, observados, discutidos, criticados… A audiencia ampliouse e isto en parte ten que ver cos medios de comunicación. Tanto no ambiente cultural como no estrictamente artístico hai máis xente que participa. Outra cousa é a calidade desa percepción, pero é unha cuestión moi persoal. Tal como digo, “perception requires involvement”, canto máis nos involucremos máis posibilidades hai de entender a obra. Todo está definido pola pasividade ou actividade do espectador. Quizais temos gañado en número de audiencia pero tamén en número de pasividade.

 

Entrevista a Antoni Muntadas por Sara Donoso

Antoni Muntadas

A presente edición de INTERSECCIÓN dedica un foco a Antoni Muntadas, revisando a cidade e a súa idiosincrasia á luz da obra deste artista que adicou gran parte da súa carreira a profundizar e poñer no punto de mira o fronteirizo, a construción do medo e a arquitectura do poder.

Sábado 30 oct | 21:00 – 22:30h

Fundación Luís Seoane

Domingo 31 oct | 16:30 – 18:30h

Fundación Luís Seoane

Co apoio de: