Aitor Gametxo

txt

“Os ollos péchanse e a luz continúa”. Así remata Els Ulls, de Aitor Gametxo, e abre un camiño para reflexionar acerca do cinema, da mirada e da representación. O foco a Aitor Gametxo xoga coa poesía do cotián, do afecto, atopando no día a día claves para identificar nas formas ideas, para acceder ao real das aparencias.

O cine atrapa a vida de xeito inesperado, deixando sempre unha pegada do verídico, que se desprende da fabulación. A cámara rescata, preserva a fantasma vaga de algo que foi e estivo, para poder retornar, para poder revivilo. Mirar é estar presente, ser testemuña, pero tamén facer presente, coñecer. O cinema non dá vida ás cousas, e nin sequera na ficción pode controlalas. Viven máis aló da mirada, existen con independencia.

Certamente, a imaxe é quen de prolongar esa vida nas aparencias, de abrir un camiño paralelo. Nisto existe, paradóxicamente, unha morte, unha perda: aquilo que vive na imaxe abandónase á representación, prescinde da orixinalidade do momento. Na promesa da imaxe, tocamos soamente a superficie das cousas, a forma, a luz. Pero a imaxe non depende da luz, nin tampouco do son.

Aitor propón un encontro constante entre a vida e o cine, entre o real e o real atravesados. A súa obra xera sempre unha dúbida, cuestiona as formas, revisita ideas en escenas da historia do cine, reivindica o son como xerador de imaxes e explora o silencio.

 

Texto curatorial (por Lara Castro Lema)

Aitor Gametxo

O foco a Aitor Gametxo recolle unha selección da obra do autor biscaíño, achegándonos á súa visión como cineasta e activando a reflexión vital e poética acerca da representación audiovisual.

Sábado 30 outubro | 18:30 – 20:00h

Fundación Luís Seoane

Co apoio de: