Contemporánea
Contemporánea
A sección Contemporánea presenta unha pequena mostra de pezas propostas por cinco das galerías que conforman a Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia: Nordés, Trinta, Metro, Luisa Pita e Vilaseco. No seu conxunto, trátase dunha selección intimista, que nos fala desde perspectivas dispares acerca da memoria, do pensamento, a linguaxe, o illamento e os espazos nos que todo isto conflúe, xerando reflexións ás veces sutís e evocadoras, outras máis directas e sinxelas, sobre aspectos que resultan de importancia para o momento presente.

Sol vermello
Galería Vilaseco: Lois Patiño
vídeo HD | cor | son | 3 min | 2018 | premiere mundial
No fondo mariño unha tormenta de peixes xira arredor dunha figura inmóvil que oscila ingrávida co fluír da auga.
Un sol vermello, líquido, flota no instante suspendido.

Horizonte
Galería Metro: David Catá
vídeo HD | cor | son | 3 min | 2020 | premiere mundial
“Horizonte” é un proxecto que trata sobre os cambios, a confrontación co pasado e a incerteza do futuro.
Un diario escrito con agulla e fío sobre o meu propio corpo, concretamente sobre a palma da miña man, que nace de rescatar unha acción que marcou a miña infancia: o oficio da miña nai como costureira. Os cosidos e suturas realizadas sobre o meu corpo son unha metáfora da indisoluble simbiose entre o paso do tempo e o esquecemento, representando todas esas imaxes, emocións e sentimentos que van marcando a miña vida.
Con “Horizonte”, coso esas paisaxes que se presentan ante min dispostos a ser descubertas. A través dunha acción performática e efémera que me confronta co pasado e me seduce a través da incertidume que xera o futuro, plasmando escenarios que me definen emocionalmente e cos que establezo unha mímese entre o meu corpo e a contorna, o seu horizonte e o meu propio.

Calígine
Galería Luisa Pita: Sandra Carvalho e Felipe Ortega
vídeo | cor | son | 7 min | 2020
Nesta peza directamente relacionada co proxecto multidisciplinar “El espíritu del flâneur”, Sandra Carvalho e Felipe Ortega-Regalado envolven ao espectador na poesía da escuridade e a brétema, seguindo o seu movemento fantasmal a través da paisaxe.

Post Ford Palace 2020 (Para ninguém ver)
Galería Nordés: Rubén Santiago
vídeo HD | cor | son | 12 min | 2020
Unha cidade baleira é un palacio.
Unha pandemia.
Unhas cápsulas audiovisuais entrelazadas por un código.
Un lugar discreto, unha cita no descampado.
Unha serie de intervencións ideadas para non ser vistas.
Unha caída, un accidente.

SUBTÍTULOS (Saber sin estudiar)
Galería Trinta: Manuel Saiz
HD vídeo | cor | son | 6 min | 2016
É unha película íntima na que unha secuencia de subtítulos feitos a man traduce, confirma ou nega o que di o único personaxe da película mentres mira á cámara. A linguaxe escrita e falada funciona para expresar a dificultade dun significado comprensible.